Galego / Castelán

A arquitectura coma o xeito de situar-relacionarse o home no mundo.

Tras séculos de evolución constructiva-destrutiva, hai uns anos a humanidade decatouse de que chegara o momento de ollar atrás. Caemos na conta da nosa influencia real no que nos rodea. Precisamos transformar o medio para vivir nel, artificializalo. Pero hai maneiras ben distintas de facelo.
Propoñemos unha ollada diferente cara ao entorno. Non dende enriba, con desprezo, pensando que está ao noso servizo; senón dende o respecto, sabedores das consecuencias das nosas actuacións. Evolucionar do parasitismo á simbiose.

Todos somos conscientes, sobre todo en Galicia, do que supuxeron os ciclos de expansión inmobiliaria e construtiva-destrutiva. Nos anos 60 e 70 des-ruralizouse o agro convertendo as nosas pequenas vilas en case-cidades des-humanizadas; e recentemente a globalización da vivenda coma ben de inversión supuxo o ataque definitivo ao noso medio.
Temos capacidade para remedialo: unha arquitectura simbiótica e interdependente, deseñada á escala do lugar no que nace; na que a relación do interior co exterior se basea en esvaecer os límites ata facelos desaparecer...

O contacto co mundo exterior

Propoñemos reformular a relación co entorno grazas as melloras técnicas na construción. A evolución dos materiais industrializados, en estanqueidade e illamento, permite alterar os límites do espazo interior e a súa relación co exterior: podemos aumentar a superficie transparente sen temer perdas térmicas, podemos situarnos ao nivel ou por debaixo do terreo sen sufrir humidades...

Invertimos e mesturamos os conceptos arriba-abaixo e dentro-fóra non por negación reaccionaria, senón nun proceso evolutivo que nace do saber acumulado: orientación e resgardo, a solaina, o corral. Un proceso que engade á topografía sempre cambiante da nosa terra a posibilidade de transformación necesaria para un mellor aproveitamento das súas vantaxes: asoleamento, frescura, ventilación ou privacidade.

Como unha árbore de folla caduca, que tapa o sol en verán e o deixa pasar en inverno, xeneramos unha riqueza espacial no exterior e no interior, tendente á consecución de espazos térmicamente autorregulados favorecendo o asoleamento en inverno e a ventilación natural cruzada no verán: aproveitamos as diferenzas de temperatura xeneradas pola variación na incidencia solar para provocar correntes naturais de aire.

Escala / impacto ambiental

A imaxe do territorio non é unha cuestión de estilo: non é cubrir con tella ou chapa, nin poñer pedra ou ladrillo na fachada, ou utilizar cor gris ou vermella ou verde; non é rococó ou rústico ou high-tech.

Trátase de facilitar a inserción do edificio no contorno artificial-natural, de alterar o seu impacto ao noso antoxo, axeitando a súa dimensionalidade aparente a través de mecanismos inter-dependentes directamente co lugar.

Dispositivos que nacen mesmo na primeira visita ao emprazamento e que avanzan cara a unha imaxe amable dende o punto de vista humano-biolóxico.

Paisaxismo antibucólico

Toda intervención do home no mundo supón unha "artificialización" do medio. Mesmo a primeira froita recollida, a primeira semente de millo plantada, o primeiro gando arrimado; son transformacións necesarias a nivel natural-biolóxico.

A imposibilidade do non intervencionismo lévanos á necesidade da relación biótico-paisaxística: topografiar a arquitectura mediante a inter-implicación esquencendo a camuflaxe e aceptando a inevitable pegada deixada no territorio como primeiro paso para a integración absoluta.

Unha nova materialidade

Unha nova conciencia de interacción biolóxica. Toma de consciencia dos límites reais dos recursos naturais. Glocalización baseada no pensamento global e acción local.

Reutiliza-biodegradabilidade material, economía de desprazamento e de custos de transformación establecendo un sumatorio de custos enerxético-ambientais global: r.b+d+t, ao que se podería engadir un coeficiente de racionalidade económica xeral, pero que nunca debería facer esquencer a ecuación básica.

A técnica fálanos de novos materiais:

Madeira procedente de explotacións controladas para prácticamente tódolos elementos construtivos do edificio, con novos tratamentos que lle confiren durabilidade para o seu uso interior e exterior; aportando avantaxes térmicas, acústicas, estéticas e de confortabilidade.

Illamento térmico de fibras de liño, cáñamo ou lá de ovella; co tratamento adecuado, en substitución dos plásticos non biodegradables habituais. Paneis, perfís, tuberías e laminados de polietileno de alta ou baixa densidade, polipropileno, ABS ou policarbonato; calquera deles obtidos de reciclaxe de residuos urbanos.

Sustitución de moitos dos materiais de construción habituais por outros de menor repercusión ambiental, xeralmente materiais naturais: nos illamentos, revestimentos, pinturas, etc.